Saturday 11 de May de 2024

O Grupo Socialista reúnese co Foro Cívico para valorar o estado dos asuntos clave da cidade


Lamentan que, no tema do auga, a alcaldesa opte por “escudarse nos estudos” e reclámanlle que poña en marcha o modelo “que abalan os informes e que aplica o BNG alí onde goberna”.

Muíños puxo en valor que o PSOE levara a pleno unha declaración institucional para darlle carta oficial aos acordos subscritos por todas as forzas políticas.

O Grupo Socialista reuniuse este mércores co Foro Cívico para valorar o estado dos acordos subscritos por todas as forzas políticas antes das eleccións municipais. Uns acordos nos que, recordan, se incluía o desbloqueo do contrato da auga, logo de que no pasado mandato a oposición bloqueara a licitación dun novo contrato.

Este foi un dos temas principais do encontro no que o portavoz dos socialistas insistiu en que se trata dunha cuestión fundamental na nosa cidade, non só para renovar unha rede de abastecemento antiga, senón tamén para ampliala a zonas dos barrios e do rural. Neste sentido, Gonzalo Muíños lamentou que a alcaldesa opte por “escudarse nos estudos”. Unha actitude que, afirma Muíños, “seméllase bastante á que mantivo o Partido Popular de Alfonso Rueda co tema do aparcadoiro do CHUS e que sempre recibiu críticas polos nacionalistas”.

“Agora di a alcaldesa que vai pedir un estudo sobre cal é o modelo polo que debe optar o Concello, cando a realidade é que ese estudo xa está e o que di é o que todos sabemos: a rede de abastecemento de Santiago está moi envellecida e precisa dunha renovación; que hai que acometer inversións millonarias para dotar o rural e os nosos barrios de saneamento e abastecemento; que hai que renovar o depósito de auga da Almáciga” afirmou Muíños, recalcando ademais que “o Concello non ten fondos propios para acometer esas inversións, por iso precisamos dunha empresa que as adiante”.

Acusando á alcaldesa de “querer enredar” e “no mellor dos casos, repetir o informe todas as veces que faga falta ata que ese informe diga o que ela quere que diga”, desde as filas socialistas avogan polo modelo que “abalan os informes técnicos”, o concesional que é, ademais, “o que aplica o BNG alí onde goberna” poñendo como exemplos os casos de Pontevedra, Carballo e Allariz.

Mobilidade no entorno do Hospital Clínico

Outro dos temas que mereceron máis atención foi o da mobilidade na contorna do CHUS, onde os socialistas reafirmáronse na súa proposta dun aparcadoiro de superficie ao carón do CiMUS para a que, xa o executivo de Sánchez Bugallo, aprobara a cesión dunha parcela de titularidade municipal á Xunta valorada en 6,5 millóns de euros.

Neste sentido, expuxeron os socialistas que, ademais disto, o Concello de Santiago comprometérase a expropiar os terreos para a construción da glorieta na confluencia de Volta do Castro coa Travesa da Choupana, cun valor de taxación de 262 mil euros, que se suman á exención da taxa de licenza e á bonificación do 95% do ICIO, estimada en case dous millóns de euros: “en total desde as arcas municipais a aportación sería de máis de 8,5 millóns de euros, máis que xenerosa e solidaria”.

Recorda Muíños que o CHUS da servizo a 450 mil persoas de 49 concellos diferentes, algúns de fóra da provincia, sendo 8 de cada 10 pacientes que acuden ao Clínico, de fóra de Santiago: “a aportación do Concello de Santiago debera limitarse á proporción de usuarios que son da nosa cidade”.

Os socialistas defenderon ante os representantes das diferentes entidades que compoñen o Foro Cívico a súa proposta para ordenar a mobilidade no entorno do Clínico, que pasa por mellorar a rotación das prazas actuais e instar á Xunta a ofrecer unha solución de transporte colectivo para o persoal do SERGAS. Ademais, insisten en que é necesario pensar a longo prazo, polo que propoñen iniciar os trámites para a delimitación dos polígonos 9 e 10, para habilitar 50.000 metros cadrados máis ao carón da parcela do centro hospitalario, prevendo futuras ampliacións.